sábado, 6 de xaneiro de 2018

Bombóns de dous chocolates e nocilla

Bolboreteir@s, imos comezar o ano como nos gusta de forma moi doce aínda que vos prometemos que vos deixamos descansar despois de hoxe. Iremos traendo unha serie de pratos saudábeis despois de reis para compensar os excesos destas datas. Realmente xa son sobreexcesos, mais é que todo está tan bo...
E que hai máis doce que un bombón? Pois aínda que xa preparáramos hai tempo uns básicos, apetecíanos procurar unha fórmula destas que namoran. Non sabemos que están listos para competir con Lindt ou Ferrero mais a verdade é que se converteron na lambetada máis saborosa deste Nadal, ideal ademais para facer da sobremesa un peche do máis lustroso. Aínda que se somos sinceros, nós papámolos case todos á merenda, segundo rematamos de facelos.
Estes bombóns con corazón de nocilla son perfectos para todos eses bolboreteiros e bolboreteiros con corazón doce e bandullo larpeiro. 3, 2, 1... a gozalos :-)




Bombóns de dous chocolates e nocilla



Ingredientes:

  • 100 g de chocolate con leite
  • 100 g de chocolate branco
  • 2 culleradas de nocilla






Utensilios: un molde para bombóns (ou xeos), unhas cuncas, manga(s) pasteleira(s) e un pincel.


Elaboración:


Para comezarmos, temos de derreter o chocolate con leite no microndas ou ao baño maría. Colocámolo nunha manga e cubrimos o fondo dos moldes. Para isto, podémonos axudar do pincel. 











Refrixeramos 15-20 minutos.


Pasado ese tempo, coa axuda doutra manga (ou a mesma lavada), repartimos a nocilla sobre o chocolate. Se for preciso, podemos quentar un pouco a nocilla para que sexa máis fácil de botar. Refrixeramos, de novo, 30 minutos.


A continuación, derretemos o chocolate branco e cubrimos o o chocolate con leite e a nocilla. Metemos no refrixerador, aproximadamente, 1 hora, ou até que endureza o chocolate.










De seguir, desmoldamos os bombóns e xa estarían listos para comer!


Agardamos que vos gusten e que os faigades porque, como vedes, son moi sinxelos de facer. Realmente é difícil conseguir máis con menos porque ademais de incribelmente saborosos fican ben bonitiños. Estes son dos que volverán caer en pouco tempo. Mais ben, desde mañá comezamos fase de depuración, haha, así que terán que agardar ao mes que vén. Ui, daquela xa teremos o Entroido. 🙉 Ai, non damos feito!! Feliz día, bolboreteir@s!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmm que ganas de dar cuenta de unos cuantos no os imaginais como me estais tentando ,seguro que estaban de rexupete.
    Bicos mil y feliz semana wap@s.

    ResponderEliminar