martes, 24 de xaneiro de 2017

Crema de cabaza

Bolboreteir@s, xa estamos unha vez máis con vós para traer unha nova receita. A verdade é que estamos orgullosos da liña seguida desde comezo de ano pois dixemos que iniciariamos unha serie de receitas máis saudábeis e así está sendo: garavanzos crocantes, patacas fritas saudábeis, crumble de ananás, pasteliños de patacas e nabizas... e agora esta crema de cabaza!
Non pensedes que toleamos e deixamos a nosa esencia, as lambetadas (que tan hai as hai sas) mais non somos pouc@s @s que excedimos considerabelmente no Nadal con turrón, mazapáns, polvoróns e demais. E sabemos que proximamente, moi proximamente, chega outra etapa de doces, a época máis saborosa do ano, entón hai que tentar equilibrar un pouco.
E neste sentido as cremas de verduras son unha verdadeira marabilla que nos aporta vitaminas e que nos arrequece o corpo nestes días tan friorentos. Por aquí, por un motivo ou por outro, levabamos ben tempo sen degustar unha e chegados ao supermercado seleccionamos un produto e a argallar.
Seguramente vos tamén esteades desexando degustar unha crema; con esta receita teredes unha idea para lle dar cor e calor a esta semana. Adiante con ela!



Crema de cabaza


Ingredientes:

  • 500 g de cabaza
  • 1 pataca
  • 1 cebola pequena
  • 1-2 dentes de allo
  • 20 g de mozzarella/ queixo fresco
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 cullerada de aceite
  • Auga

Utensilios: unha pota, un batedor eléctrico e un coitelo.

Elaboración:


Para comezarmos, temos de botar o aceite no fondo da pota e rustrimos a cebola e os dentes de allo. 


Cando collan un pouco de color, engadimos a cazaba e a pataca, cortados en anacos e dámoslle unhas voltas. 


Engadimos a auga, só até cubrir as verduras e salpementamos, ao noso. gusto. 


Deixamos que coza, a lume medio, durante 20-25 minutos. Cando estea cocido, engadimos o queixo e deixamos que repouse 5-10 minutos. 


 Trituramos, servimos e xa estaría lista para comer!


Agardamos que vos guste e que a poñades en práctica. 


Abre ou non abre o apetito só vela? Se achegades o fociño mesmo aínda arrecende, hahaha. Sexa como for, parece difícil resistirse a un alimento cun sabor tan suave e homoxénero que resulta tan agradábel de dixerir. Agardamos pois que adquira vida esta receita nas vosas cociñas. Se tedes calquera dúbida, suxestión ou demais, non dubidedes en nolo comentar por aquí mesmo ou por calquera das Redes Sociais. Unha forte aperta, amig@s!

2 comentarios:

  1. me encantan las cremas de verduras y la de calabaza es de las que mas hago, se ve deliciosa! bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a nós pásanos igual e facémola, sobre todo, cando vai moito frío 😉
      Mil grazas por pasarte e comentar 😘

      Eliminar