sábado, 19 de decembro de 2015

Patacas da casa estilo Foster

Bo sábado, amig@s! Seguro que estades tod@s contentísim@s porque veñen aí datas de moitos festivos e de moita festa tamén, non? E nós seguimos con receitas para que teñades cada vez máis onde escoller. E a pesar que cando comezamos, xa hai dous anos, explicamos que tirabamos máis cara ás sobremesas e as larpeiradas, imos ter que dicir que parece que ultimamente nos convertemos nun blogue pataqueiro, porque con esta xa deben ir cinco ou seis receitas de patacas en mes e medio. E aínda falta esa idea que nos deron @s nos@s seguidores de Twitter e que non tardará moito en aparecer por aquí.
A receita de hoxe é ben curiosa, non pola elaboración senón por como chegamos a ela xa que na verdade, nunca comimos nun restaurante da famosa cadea Foster's Hollywood, non cadrou. Porén, uns amig@s, habituais do local, preparáronnos esta receita para unha cea, e ficamos encantad@s con ela. Mais non por iso iamos ir até o Foster probala. Mellor elaborármolas nós mesmos a ver como ía a cousa. E... marabilla! Hai que contar co privilexio de nós prepararmos estes pratos con patacas da casa, o que coloca esta receita por arriba. As conxeladas non saben mal, mais como as da casa...nada!

Patacas da casa estilo Foster

Ingredientes (para 4 persoas):

  • 4-5 patacas grandes
  • 8-10 lascas de beicon
  • Queixo relado cheddar
  • Queixo relado gouda
  • Aceite
Para a salsa ranchera:
  • 200 ml de nata para cociñar
  • O zume dun limón
  • 1 cullerada de maionesa 
  • 1 cullerada de leite 
  • 1/2 culleriña de cebola en po
  • 1/2 culleriña de allo en po
  • 1 chisco de sal
Utensilios: cunca, batedor manual, unha prancha, unha tixola, bandexa apta para forno. 

Elaboración: 

Para comezar, temos de facer a salsa. Para iso, mesturamos a nata co limón, o allo, a cebola e o sal. Mesturamos moi ben.  


A continuación, engadimos o leite e a maionesa e mesturamos moi ben. A receita orixinal tamén levaba ceboliño ao final, mais nós non tíñamos nese momento.


Refrixeramos, polo menos, durante 2 horas. 


Despois dese tempo, temos de pelar, lavar e cortar as patacas en tiras e fritilas en aceite ao voso gusto; a nós gústannos tostadiñas. E colocámolas na fonte apta para o forno.


Á parte, cortamos o beicon en tiras e rustrímolo na prancha sen nada de aceite. Reservamos un momento.


Sobre as patacas, botamos unha pouca da salsa que tíñamos no frigorífico. 


A continuación, o beicon. 


E o queixo relado. 


Enfornamos co gratinador a 220º até que se funda o queixo, aproximadamente 10 minutos. 


E xa estarían preparadas para comer! Que aproveite!


Talvez sexa esta unha das formas de lle tirar máis beneficio ás patacas xa que se converten nun prato moi completo que pode actuar perfectamente como principal e non como simple acompañamento. E ben, que a nós encántannos tod@s estes ingredientes que levan, haha. Así que sexades seguidores ou non, das patacas que elaboran neste local, animádevos a preparalas na casa e alucinaredes co resultado. 
Ben, pois como xa estamos a día 19 e queda pouco para o noso segundo aniversario e tamén veñen datas significativas, estade atent@s ao blogue e ás redes sociais, que igual hai algunha sorpresa. Unha fortísima aperta!!

4 comentarios:

  1. Eu xa firmaba por ter un prato coma este hoxe na mesa pra xantar. Estas patacas teñen que estar de rechupete e sendo da casa nin te conto, xa sinto bolboretas no bandullo de solo pensalo :)

    Bicos e Bo Nadal

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ohhh!! Moitísimas grazas polas túas palabras! Alégranos saber que sintes as bolboretas :D!
      Mil grazas e Bo Nadal!!

      Eliminar
  2. Uummmm que ricas que no las vea mi hijo que se apunta a ellas ya ,te han quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas!! Normal que lle gusten... a nós encántannos!! hahaha
      Bicos

      Eliminar