sábado, 31 de outubro de 2015

Chulas de vento con chocolate

Como vai todo, bolboreteir@s?? Agardamos que ben, e que esteades preparados para desfrutar desta fin de semana de Samaín e Defuntos como corresponde, e que ademais nos dá un día máis de descanso. Viva!!
E como até agora xa vos fomos traendo moi diversas receitas asociadas ao terror do Samaín (Doce terroríficoTorta caaveira ou Torta sanguenta Red Velvet), hoxe toca presentar unha máis ligada ás xornadas de Defuntos e Santos, que aínda que practicamente coinciden co Samaín, manteñen as súas diferenzas.
E xunto cos ósos de santos, unha das larpeiradas desta época son as chulas, que nós neste caso fixemos aínda máis doce cunha boa capa de chocolate quente, mmmmmm. E cando comezamos a andaina  neste blogue, dixemos que habiamos de aprender xuntos, da man, e este é un bo exemplo. Hai dúas semanas, cando estabamos a Sevilla degustamos uns "buñuelos" deliciosos e quedamos con enormes ganas de os preparar. E así fixemos, mais o que non asociabamos era que a denominación nosa para buñuelos era precisamente a de 'chulas', xa que nós entendiámolas máis como as de pan gramado que xa preparamos pola Pascua (receita aquí). Pois iso, a marabilla de podermos aprender xunt@s. Aquí queda esta larpeirada!

Chulas de vento con chocolate


Ingredientes (para 2 racións):
  • 65 ml de auga
  • 40 g de fariña
  • 15 ml de aceite
  • 2 ovos
  • Un chisco de sal
  • Aceite de oliva


Para decorar: 120 gr de chocolate


Utensilios: cazo, batedor manual, tixola, papel absorbente, unha cunca, unha culleriña e un prato.

Elaboración:

Para comezarmos, temos de quentar un pouco o aceite, xunto coa auga e o sal.


Retiramos do lume e engadimos a fariña e mesturamos moi ben. 


Volvemos quentar durante 1 minuto a mestura. 


Retiramos do lume e engadimos o ovos, un a un. 







Deixamos repousar 10 minutos. 


De seguir, collermos pequenas porcións de mestura coa culleriña e fritímolas en abundante aceite. 


Retiramos cando estean douradas e poñémolas nun prato con papel absorbente.


Mentres tanto, derretimos o chocolate ao baño maría ou no microndas. 




Colocamos as chulas na cunca en que as imos presentar.


Botamos o chocolate por arriba.


E xa estarían preparados para comer!! Que aproveite!! 

Esta talvez sexa a larpeirada lograda cunha cantidade menor de produtos. Se ollades os ingredientes vedes que estamos a falar de cifras moi moi baixas. De feito, unha vez temos a masa feita para que non vai chegar a nada, mais o feito de seren de vento, ocas por dentro, permite que esa masa dea unha enorme rendibilidade. E ollade, aínda sacamos unha ducia de chulas que, no caso de non gustar do chocolate podedes trocar por outro elemento ou mesmo comelas soas. Tamén tedes a opción de rechealas, que non dá moito máis traballo. 
Así pois, ficades desde xa cunha delicia para facerdes nesta fin de semana con moi moi pouco traballo. Unha forte aperta e desfrutade da ponte!!!




3 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmm que ricas se ven esas chulas de vento, me llevo ese plato para el postre que en nada voy a cenar ,te han quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas!! Oxalá puideramos mandarnos as probas, hahaha!! ;)

      Eliminar
  2. Mimadriña! Qué pintaza teñen a vosas chulas! Estas non as deixo pasar, lévome a receita porque teño que probalas sí ou sí!

    Bicos e apertas, rapaces!

    ResponderEliminar