martes, 10 de marzo de 2015

Torta crema de cacao

Tiñamos o día larpeiro larpeiro, así que, sen ningún motivo nin  causa, decidímonos pór a facer unha torta coas únicas condicións de ser rápida e moi chocolateira. E cumprimos co obxectivo. Como xa sabedes, hai mil e unha formas de realizar biscoitos para tortas mais nós desta volta queriamos que nel destacase o chocolate, non inserindo unha capa no medio senón que pretendiamos que o biscoito todo levase un sabor intenso. Para iso, claro, botamos un bo número de culleradas de crema de cacao. E non pensedes que foi de máis. Xa sabedes, hai días así, que está para chocolate :-)
Estamos seguros que a maior parte de vós desfrutaredes esta torta ao máximo, mais se tedes pequen@s na casa veredes que eles o fan dunha forma diferente. Porque xa sabemos o felices que @s fan estas cremas, haha.
Aquí vos deixamos esta receita para cando teñades ganas dunha sobremesa máis contundente, un larpeirada ao grande coa que pórvos as botas:

Torta de crema de cacao

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 18-20 culleradas de crema de cacao e avelás
  • 300 gr de fariña
  • 100 ml de leite
  • 50 ml de nata
  • 3 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
Para a decoración:
  • 150 gr de chocolate negro
  • 100 ml de nata
  • 30-40 gr de manteiga
  • Nubes, boliñas de azucre, boliñas de chocolate etc.
Utensilios: cunca, batedor eléctrico ou manual, molde, cazo, culler de pau.


Elaboración:

Para comezarmos, temos que quentar o leite, a nata e a crema de cacao até obter unha mestura homoxénea. Reservamos.


De seguir, colocamos nunha cunca a fariña, o lévedo, os ovos e a mestura anterior. Batemos co batedor eléctrico ou co manual até que se integren todos os ingredientes. 





Botamos a masa nun bolde previamente engrasado e enfariñado e enfornamos a 180º (debe estar prequente), calor abaixo co ventilador, durante 25 minutos. 


Mentres esperamos a que arrefríe, preparamos a decoración. Derretemos o chocolate coa nata e a manteiga ao baño maría ou no microndas.  



Botamos o chocolate sobre o biscoito e decoramos coas nubes, as boliñas de azucre e chocolate, ou tamén podedes utilizar froitos secos, chocolate branco ou o que vos queirades. 



Deixamos que arrefríe e se endureza o chocolate e xa estaría preparada para comer! 


Xa vedes que gran resultado con tan pouco traballo. De seguro que, a partir de agora teredes en conta esta torta tan saborosa para cada vez que haxa unha data especial ou que simplemente... esteades máis lambóns do normal. Ademais, para aquelas persoas que non gustan de complicarense coa repostaría, teñen aquí un bo recurso co que asegurarse o éxito tanto no estético como no alimenticio. E como sempre vos dicimos, podedes darlle o voso toque, coa decoración que máis vos satisfaga :-) Agardamos que sirva para adozarvos este martes. Un saúdo a tod@s, lambonciñ@s!!

2 comentarios:

  1. Uummmmmmmmmmmmmmmm babeando me tienes con lo que me gusta todo lo que lleve chocolat ,te ha quedado de relujo y seguro sabia mejor.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a verdade é que estaba moi rica mais é bastante contundente, hahaha!!
      Un bico e grazas por comentar!

      Eliminar