domingo, 1 de xuño de 2014

Focaccia allada con ourego

Sigo con outra receita e estou comezando a pensar en pedir a dobre nacionalidade do blogue galego-italiano porque como vedes, pouco a pouco vaise inundando isto do meu amor pola gastronomía da Italia.
A de hoxe non é pizza, aínda que ten algún parecido. Se me encanta o pan, e me encantan as masas italianas... este é o resultado perfecto: focaccia. Un pan do máis saboroso que non deixa indiferente a ninguén. Eu probárao nunha viaxe a Milano e quedara namorada, así que tiña que tentar elaborala antes ou despois. Igual que sucede coas pizzas, existen mil modos para as facer; eu optei por unha en que predominara o ourego e o allo, pondo por arriba unhas olivas decorativas, mais que tamén axudan a seren máis apetecíbeis. Ficou espectacular, xa non serve como escusa para retornar alá, terei que procurar outra   :-)

Focaccia allada con ourego

Ingredientes:
  • 400 gr de fariña de forza
  • 130 gr de aceite
  • 100 gr auga, aproximadamente
  • 12 gr de lévedo de panadaría
  • 12 gr de sal
  • 12 gr de azucre
  • 2 dentes de allo
  • 4 culleriñas de ourego
  • 25 olivas

Elaboración: 

Para comezarmos, botamos en 80 gr de aceite os dentes de allo picados e dúas culleriñas de ourego. Remexemos ben e quentamos no microndas durante uns segundos para aromatizar o aceite máis rapidamente. Reservamos.


De seguir, diluímos o lévedo na auga, e engadimos os 50 gr. sobrantes do aceite, o azucre, a fariña e o sal. Mesturamos ben. Se vedes que a masa está moi seca, podedes botar un pouquiño máis de auga. Para finalizar, engadimos o resto do ourego e mesturamos de novo. Tapamos a masa cun pano húmedo e deixamos repousar durante unha hora.










A continuación, estiramos a masa no papel de forno e imos estirando a masa coa axuda das mans e adaptándoa á bandexa do forno; facémoslle pequenos buratos cos dedos, pintamos co aceite aromatizado e colocamos as olivas nos ocos. Tapamos con papel transparente e deixamos repousar, de novo, durante media hora.















Para finalizar, enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, 20-25 minutos, até que quede ben douradiña, e xa estaría perfecta para comer! Que aproveite!

                                       
Non sei que vos parece, mais a pesar de que non é un pan para comer todos os días, si merece a pena facelo de vez en cando porque está realmente exquisito. Aquí non quedou nin un cacho, e iso que a focaccia saíu grande. Xa se papou como prato principal, non se resistiu a xente a deixalo como un simple acompañante :-)
Ben, pois espero que a probedes e nos comentedes o que vos parece. Recoméndovos que a fagades, canto menos unha vez. Bo domingo larpeir@s :-)

2 comentarios:

  1. Adoro focaccia e por acaso á muito que não faço.
    Esta ficou linda e bem ao meu gosto
    Bjs

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Muito obrigada polo teu comentario e pela tua visita!
      Uma aperta!

      Eliminar