martes, 26 de xullo de 2016

Polo con salsa de champiñóns

Os cogomelos e champiñóns son un dos nosos alimentos favoritos desde ben pequenos e aproveitamos sempre que podemos para os integrar nas nosas receitas. Son tan relevantes que case poderían dar nome ao blogue, haha. Ademais, encontrámonos no prato de hoxe co polo, un outro produto moi común na maioría das casas galegas e tamén na nosa, claro, tanto polo seu prezo, máis económico que outras carnes, como pola versatilidade que ofrece na cociña.
Ben, pois este polo con salsa de champiñóns foi todo un capricho posto que o xoves fomos cear cuns amigos a La Dolce Vita, na Coruña e gustounos tanto esta tapa que o sábado a primeira hora xa a estabamos preparando para xantar. Quedamos contentísimos porque todo saíu como agardabamos e agora temos xa na listaxe de recursos un novo prato moi moi saboroso. E ademais así tamén afacemos o padal a este tipo de cremas ás que non estamos tan habituados e que teñen moitísimo valor.

Polo con salsa de champiñóns

Ingredientes (para 4 persoas):

  • 2 peitugas de polo
  • 300g de champiñóns
  • 300 ml de nata
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • Aceite
  • Pementa moída
  • Sal


Utensilios: unha táboa, un coitelo, unha tixola, unha culler, batedor eléctrico (opcional) e unha fonte para presentar. 

Elaboración:

Comezamos cortando as peitugas en anacos e adobámolas con pementa moída e sal ao gusto. 


Rustrímolas até que se douren nunha tixola cunha cullerada de aceite. Non é necesario que se fagan totalmente, xa que despois acabaranse de facer na salsa.



Na mesma tixola, engadimos dúas culleradas de aceite e rustrimos a cebola e os dentes de allo picadiños. 


Pasados 5 minutos, engadimos os champiñóns, lavados e laminados. 


Deixamos que se cociñen uns 8 minutos. 


E engadimos a nata. 


Engadimos máis sal e pementa e mesturamos moi ben.


Deixamos que se cociñe todo 8-10 minutos. 


Pasado ese tempo, podemos triturar a salsa. Nós triturámola case toda, deixamos uns champiñóns para atopalos mentres comemos. 


De seguir, engadimos o polo e deixamos que se cociñen na salsa outros 5-6 minutos. 


E xa estaría preparado para comer! Podédelo acompañar do que máis vos guste: ensalada, patacas, pan, arroz, cuscús... 


Agardamos que vos guste!


Cun blogueiro ou blogueira experto en fotografía seguro que se lle tiraba máis partida visual mais a cuestión relevante, a de sabor está moi ben lograda, palabra de lambóns.
Este tipo de receitas adoitan lograr bastante éxito porque, como diciamos, o polo manexámolo a maioría a diario e sempre se agradecen novas visións para o preparar. Así pois, xa agardamos novidades da vosa elaboración e resultado para nos enorgullecer ben destes seguidores e seguidoras que tanto queremos. Unha aperta moi moi forte!

2 comentarios:

  1. Non está nada mal, pero ese preve de champiñóns non está no punto, semella estar cortado, ou polo menos non ben integrado, ou emulsionado. Adoita suceder cando se preparan cogomelos e non se pasan ben, deixando auga da súa cocción.

    O mellor é pasalos ben, ou polo menos, retiralos do lume a outra cazola seca. No sitio de aceite, para facelos, é mellor a manteiga, porque se integra mellor coa tona.

    En calquera caso, o sabor é inmellorable. E no sitio de polo, vaille moi ben o porco, ou incluso con polo, e na salsa, se lle poden engadir uns taquiños de xamón, ou tamén touciño salgado con algo de freba, e previamente fritidiño para que quede ben crocante, e haxa unha sorpresa salgada polo medio.

    ¡Son ideas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Primeiro de todo, moitas grazas polo teu comentario! O preve quedou así porque lle demos un toque co batedor eléctrico para "triturar" un pouco os champiñóns e deixar a salsa un pouco máis espesa.
      Sabemos o da manteiga... Mais nese momento non tíñamos na casa e usamos aceite para poder facer a receita 😂😂
      Toma nota da sorpresa do touciño, seguro que o probamos a próxima vez 😜
      Un saúdo!!

      Eliminar