sábado, 12 de marzo de 2016

Marmelada de cebola con xitaque e queixo sobre follado

Que si, que si, a fin de semana xa está aquí!! E parece que ben con sol así que hai que aproveitar para saír das covas e desfrutar da beleza destes días.
E para darlle máis sabor a estes días, hoxe traémosvos un novo invento. Argallando argallando, fomos chegando a esta curiosa e especial larpeirada. Levamos un par de semanas que andamos vezando nesta masa tan saborosa que é o follado, así que pensamos en complementalo con algo novidoso e arriscado. E entendimos por risco a mestura do salgado e o doce, que neste caso se concretaba na marmelada de cebola. E parece que foi ben. Sobre todo porque logramos un prato cun toque moi moi característico e que se o prabades, veredes que nada ten que ver con ningún outro. Ollade:


Marmelada de cebola con xitaque e queixo sobre follado


Ingredientes:

  • 1 lámina de follado
  • 8-10 cogomelos xitaque
  • 7-8 anacos de queixo San Simón afumado
  • Marmelada de cebola
  • Un chisco de fariña
  • 1 cullerada de aceite
  • Pementa moída
  • Sal
     Para a marmelada de cebola:
  • 3 cebolas
  • 1/2 vaso de auga
  • 4 culleradas de azucre
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • 1 cullerada de vinagre
  • 1 culleriña de mostaza á antiga
  • Un chisco de sal
Utensilios: un cazo, un batedor eléctrico, unha bandexa de forno, papel de forno, unha tixola. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de preparar a marmelada de cebola. Para iso, cortamos as cebolas en anacos, poñémolas nun cazo e engadimos a auga, deben quedar case cubertas. Da mesma forma, engadimos o resto dos ingredientes.










Poñemos a lume medio durante 35-40 minutos. 


Como vedes, a cebola absorbeu case toda a auga. Trituramos co batedor eléctrico. Rersevamos. 


De seguir, limpamos e laminamos as xitaque e salteámolas nunha cullerada de aceite. Ademais, sazonámolas con pementa moída e sal, ao gusto. Reservamos.

A continuación, estiramos o follado cun chisco de fariña até darlle a forma que máis nos guste; nós, fixémola cadrada mais podédela facer redonda, ou facer varias individuais. Dobramos os bordes para que inchen un pouco. 


De seguir, estendemos a marmelada de cebola.


Sobre ela, colocamos as xitaque e as lascas de queixo; nós aproveitamos do San Simón afumado que tiñamos e que lle deu un toque diferencial. 




Enfornar a 220º, calor arriba e abaixo, durante 20 minutos, aproximadamente. 


E xa estaría preparada para comer!! Que vos parece? Apetecíbel?

 

Como vedes, é unha receita para sorprender e para arriscar xa que non a tod@s vai gustar, mais seguro que a moit@s de vós vos fai tolear. Cada anaco resulta do máis intenso e gorentoso pracer, e aínda que non é un prato para fartar porque pode acabar aborrecendo se se come en exceso, desfrutaredes cada unha das porcións. Animádesvos a probar? Unha aperta!!!


4 comentarios:

  1. Boasssssss!!
    Eu xa vos digo que agora mesmo comía un bon anaco, porque entre os cogomelos e o queixo San Simón, distes cos meus gustos de cheo. Si ainda encima rematades a receita ca marmelada de cebola, xa non vos quero contar mais, ruliños. !! Encántame !!.

    Bicos e bo domingo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas!! A verdade é que foi unha delicia!!
      Mil apertas e feliz semana!

      Eliminar
  2. Uummmmmmmmmmmm me encanta no me requeteencanta no te dejaba ni las migas seguro que ese hojaldre con el queso Sa Simon ,las setas y esa mermelada de cebolla esta de muerte relenta babeando me voy que lo sepas te ha quedado de relujo.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha, alegrámonos de que che gusten, estaba riquísimo!
      Mil bicos!!

      Eliminar