domingo, 7 de decembro de 2014

Torta KitKat

Outro aniversario máis que tivemos e unha nova torta. E cando é así poñemos o maxín a traballar até dar coa larpeirada máis larpeira. Doutra volta probaramos cos produtos Kinder que tanto nos gustan, e desta pensamos nestas míticas barras de chocolate tan saborosas, os KitKat. Con todo, sería difícil imaxinarmos unha torta feita toda ela con isto xa que non os Kitkat non levan crema, senón galleta e chocolate, así que para o recheos optamos pola típica crema de cacao que nos garantía o triunfo e que faría imposíbel que nos quedara seca.
E nesta ocasión nos nos preocupamos tanto en realizar unha decoración con debuxos ou letras, simplemente deixamos caer unha doce chuvia de bolas de chocolate e lacasitos que lle ofrece a esta sobremesa moitísimo colorido e que se converte nunha oda ao chocolate. Aí vos vai ;-)

Torta KitKat

Ingredientes (para un molde de 26 cm):

Para o biscoito:
  • 175 gr de fariña, máis extra para engrasar
  • 175 gr de manteiga, máis extra para engrasar
  • 175 gr de azucre
  • 3 ovos
  • 1 sobre de lévedo en po
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
Para o recheo:
  • 500 gr de crema de cacao
Para a decoración:
  • 24 barriñas de KitKat de chocolate con leite
  • 24 barriñas de KitKat de chocolate branco
  • 100 gr de bolas de chocolate de cores
  • 100 gr de bolas de chocolate branco e negro
  • Un lazo
Utensilios: molde desmoldábel, batedor (eléctrico ou manual), espátula, lira ou coitelo. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer o noso biscoito, neste caso escollemos o biscoito Vitoria porque queda moi esponxoso e é alto, polo que é perfecto para reencher e decorar.
Para a súa elaboración, temos que bater a manteiga co azucre até obter unha masa homoxénea. 



De seguido, engadimos os ovos, un a un, e a esencia de vainilla. 



A continuación, integramos a fariña e o lévedo peneirados coa axuda dunha espátula (ou unha culler). 



Vertemos a mestura no molde, que debe estar enfariñado e untado con manteiga, Alisamos a superficie e enfornamos a 180º (o forno debe estar prequente), calor abaixo e ventilador, durante 45-50 minutos. Deixamos que arrefríe. 



De seguir, abrimos o biscoito pola metade coa axuda dunha lira ou un coitelo. Colocamos a base da torta na fonte e untamos cunha boa capa de crema de cacao e avelás. 




Tapamos o recheo coa outra parte do biscoito e, de novo, untamos con crema de cacao a superficie e os laterais. 




Despois, colocamos as barriñas de KitKat nos laterais, de dúas en dúas, intercalando as de chocolate con leite coas de chocolate branco.


Para finalizar, colocamos todas boliñas de chocolate na superficie, colocamos o lazo arredo da torta para que non se movan as barriñas e refrixeramos durante 3-4 horas. 


E xa estaría preparada para comer! A pórse as botas con elas. Eramos sobre unha decena de comensais e nada quedou dela, foi literalmente devorada. E que non vos estrañe porque por moito que teñades comido antes, para esta sobremesa sempre se fai sitio xa que o bandullo é moi sabio e quere degustar estas dozuras.
Agora xa sabedes, se tedes algún aniversario ou celebración próxima, atrevédevos con esta torta espectacular que non vos ha de levar moito traballo, e compensa, vaia se compensa, ñam! Desfrutade dun domingo larpeiro! 

4 comentarios:

  1. Mi niña, yo pasaba distraída por aquí y me detengo encantada.
    Lo que acabas de hacer está para chuparse los dedos.
    Si se lo hago a mis nietos... ¡la de besos que me iban a dar!
    Ha sido un placer visitarte.
    Te dejo cariños en abrazos
    kasioles

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas pola túa visita e polas túas palabras, alégrome moito de que che gustase a receita. Eu tamén estou segura de que aos teus netos lles encataría mais os bico daríanchos igual, haha!
      Un bico e grazas!

      Eliminar
  2. Esta larpeirada é pura ledicia! non soo é bonitiña sino que ademáis está para chuparse os dedos, de seguro a festa foi todo un éxito, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, a verdade é que non sobrou nada... haha! Tamén, aínda que parece o contrario, faise moi rápido!
      Grazas polo teu comentario.
      Un bico enorme!

      Eliminar