xoves, 2 de xaneiro de 2014

Mazapáns

Feliz ano 2014!! Esperamos que este ano sexa moi bo para tod@s vós, que se cumpran todos os vosos desexos e que levedes a cabo todos os propósitos!! E non esquezades pór doces na vosa vida, que seguro que a fan máis agradábel. Desde aquí tentaremos axudar para que así sexa.
Hoxe, para compensar a laboriosa receita do luns, presentámosvos unha sinxela e rápida. Os mazapáns son típicos desta época do ano, o Nadal, así que aínda estades a tempo de os facer. Xa haberá tempo de baixar os excesos destes días! 

Mazapáns




Ingredientes:
  • 150 g de améndoa en pó
  • 120 g de azucre glas
  • 1 ovo

Elaboración:
Para comezarmos, separamos a clara da xema. Batimos lixeiramente a clara e reservamos.
Nunha cunca mesturamos a améndoa co azucre glas (este paso podemos facelo cunha culler ou unha espátula). De seguir, engadimos a metade da clara e comezamos a amasar, neste caso xa coas mans, que é máis cómodo. Temos que obter unha masa homoxénea e compacta; pode ser que necesitemos engadir máis clara. 


Agora comeza a parte máis divertida!! Separamos en pequenas porcións e moldeamos figuriñas, podemos utilizar cortadodes -como fixemos nós-, estirando previamente a masa, ou coas mans. Ímolas colocando nunha bandexa de forno, recuberta con papel vexetal, pintámolas coa xema do ovo e enfornamos co grill (sobre 200-220º) até que se douren. Non vós preocupedes se cando os sacades do forno están brandiños xa que co frío endurecerán. 

Deixade que enfrien e a comer!! Non vos esquezades de darlles a proba aos vosos familiares e amizades xa que son un triunfo seguro!! Ademais é un produto que se agradece de facer na casa ao aforrar uns cartiños, xa que os mazapáns non son das sobremesas máis baratas nesta época do ano.
E xa sabedes, se facedes esta receita mandádenos as fotos! Así mesmo, se vós apetece, enviade tamén as fotos dos vosos pratos estrela!!
Moitas grazas por todo e lémonos na seguinte receita!!









   

2 comentarios:

  1. Uhm ! uns mazapans do mais deliciosos, enhoraboa por teu blog, biquiños

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Espero que te animes a facelos e que nos envíes a foto! Un saúdo!

      Eliminar