Bolboreteir@s, xa estamos unha vez máis con vós para traer unha nova receita. A verdade é que estamos orgullosos da liña seguida desde comezo de ano pois dixemos que iniciariamos unha serie de receitas máis saudábeis e así está sendo: garavanzos crocantes, patacas fritas saudábeis, crumble de ananás, pasteliños de patacas e nabizas... e agora esta crema de cabaza!
Non pensedes que toleamos e deixamos a nosa esencia, as lambetadas (que tan hai as hai sas) mais non somos pouc@s @s que excedimos considerabelmente no Nadal con turrón, mazapáns, polvoróns e demais. E sabemos que proximamente, moi proximamente, chega outra etapa de doces, a época máis saborosa do ano, entón hai que tentar equilibrar un pouco.
E neste sentido as cremas de verduras son unha verdadeira marabilla que nos aporta vitaminas e que nos arrequece o corpo nestes días tan friorentos. Por aquí, por un motivo ou por outro, levabamos ben tempo sen degustar unha e chegados ao supermercado seleccionamos un produto e a argallar.
Seguramente vos tamén esteades desexando degustar unha crema; con esta receita teredes unha idea para lle dar cor e calor a esta semana. Adiante con ela!
Crema de cabaza
Ingredientes:
- 500 g de cabaza
- 1 pataca
- 1 cebola pequena
- 1-2 dentes de allo
- 20 g de mozzarella/ queixo fresco
- Pementa moída
- Sal
- 1 cullerada de aceite