Amosando publicacións coa etiqueta crema de cabaza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta crema de cabaza. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de xaneiro de 2017

Crema de cabaza

Bolboreteir@s, xa estamos unha vez máis con vós para traer unha nova receita. A verdade é que estamos orgullosos da liña seguida desde comezo de ano pois dixemos que iniciariamos unha serie de receitas máis saudábeis e así está sendo: garavanzos crocantes, patacas fritas saudábeis, crumble de ananás, pasteliños de patacas e nabizas... e agora esta crema de cabaza!
Non pensedes que toleamos e deixamos a nosa esencia, as lambetadas (que tan hai as hai sas) mais non somos pouc@s @s que excedimos considerabelmente no Nadal con turrón, mazapáns, polvoróns e demais. E sabemos que proximamente, moi proximamente, chega outra etapa de doces, a época máis saborosa do ano, entón hai que tentar equilibrar un pouco.
E neste sentido as cremas de verduras son unha verdadeira marabilla que nos aporta vitaminas e que nos arrequece o corpo nestes días tan friorentos. Por aquí, por un motivo ou por outro, levabamos ben tempo sen degustar unha e chegados ao supermercado seleccionamos un produto e a argallar.
Seguramente vos tamén esteades desexando degustar unha crema; con esta receita teredes unha idea para lle dar cor e calor a esta semana. Adiante con ela!



Crema de cabaza


Ingredientes:

  • 500 g de cabaza
  • 1 pataca
  • 1 cebola pequena
  • 1-2 dentes de allo
  • 20 g de mozzarella/ queixo fresco
  • Pementa moída
  • Sal
  • 1 cullerada de aceite

mércores, 18 de marzo de 2015

Bolboreteando con... Rosa Aneiros

Pensabades que nos esquecíamos da sección “Bolboreteando con…” Non, ao contrario, estábamos traballando para vos presentar un novo artigo en que contamos coa colaboración dunha das nosas grandes novelistas, Rosa Aneiros. Ficamos tan entusiasmados cos seus libros (especialmente coa recente triloxía de Amote Leo A.), que sentimos o impulso incontrolábel de animala a preparar un prato co que comprobarmos que non só elabora marabillas con letras. É moi de agradecer a súa disposición para colaborar con Bolboretas no bandullo e cada unha das palabras que nos deixa, enormemente apreciadas por nós. Neste artigo pois, saberemos un pouco máis da Rosa escritora, cociñeira e amiga do bo comer.

A Rosa tivemos a sorte de coñecela durante os nosos anos de carreira, xa que, moi amabelmente respondeu a unhas preguntas de carácter literario. Uns anos despois, seguimos mantendo moitas inquedanzas neste ámbito, mais tamén no gastronómico.

Foto tomada de http://blog.xerais.es/
Namoramos dela con Veu visitarme o mar, onde o Prestige e o traballo de limpeza das nosas praias propiciaba un relato cautivador e moi agradábel de ler. Rosa Aneiros naceu en Meirás-Valdoviño en 1976. Alén de novelista, é xornalista -licenciouse en Ciencias da Comunicación na USC- e investigadora da Sección de Comunicación do Consello de Cultura Galega; podemos encontrar diversos artigos da súa autoría e colaboracións súas en diferentes xornais como El Ideal Gallego, El Progreso, El Faro de Vigo, Galicia Hoxe, Grial, Diario de Pontevedra...