Bo día, bolboreteir@s! Que tal a volta á rutina? Xa estades adaptad@s? A nós, por unha parte, xa nos tardaba volver aos bos hábitos e, tamén, volver ao insti.
Para empezar esta nova tempada (oxalá consigamos ser máis constantes) traémosvos unha lambonada, ideal para facer unha tarde de sábado para vermos unha peli descansando no sofá. No noso caso, fixémola para unha comida á que nos invitaron e gustou moito, de feito, están esperando esta receita.
Sabedes que en Bolboretas no bandullo somos moi afeccionados aos brownies, debemos ter unhas 8 receitas xa publicadas... e, desta volta, fixemos unha versión con chocolate branco e crema de pistachos e anacardios, os pistachos foron o froito seco da tempada. Esta receita é inspiración de Alma Obregrón, aquí vola deixamos:
Brownie de chocolate branco, pistachos e anacardios
Ingredientes:
- 150 g de fariña
- 125 g de chocolate branco
- 125 g de pistachos troceados
- 115 g de azucre branca
- 60 ml de AOVE
- 60 g de azucre moreno/panela
- 2 ovos
- 1 xema
- 1 cullerada de crema de anacardios e pistachos
- Un chisco de sal
- Opcional: chispas chocolate branco
Utensilios: unha cunca grande, un batedor manual (ou eléctrico), unha fonte apta para o forno, papel vexetal e un escarvadentes.
Elaboración:
Para comezarmos, temos de derreter o chocolate, pode ser ao baño maría ou no microondas.
Engadímoslle o AOVE, a crema de anacardios e pistachos e os dous tipos de azucre.
Cando estean integrados, agregamos os ovos e a xeman e mesturamos moi ben.
Botamos a fariña e o sal, peneirados, para evitar os gromos.
Por último, os pistachos triturados e, opcionalmente, podemos botar unhas chispas de chocolate branco.
Podemos botar un pouco máis da crema de pistacho e anacardios e, coa axuda dun garfo ou escarvadentes, darlle forma sobre a masa do noso brownie.
Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25 minutos. Tedes que controlar o tempo e picar cun escarvadentes para comprobar se está ao punto. O ideal é que saia un pouco manchado.
Deixamos que arrefríe (ou non) e xa estaría listo para comer.
Como vedes, estamos ante unha receita moi sinxela, moi vistosa e diferente para dármonos un capricho. Ten un sabor moi intenso e está deliciosa esta nova versión de brownie polo que agardamos que vos gusten e que poñades a receita en práctica.
Aperta forte!
Lémonos, bolboreteirxs!














Ningún comentario:
Publicar un comentario