domingo, 21 de xuño de 2020

Triángulos de queixo recubertos con doritos

Ola, ola, bolboreteir@s! Todo ben? Así esperamos que sexa. E estando ben ha de haber fame. Hoxe tráemosvos unha receita para completar outra. Se vos adiantabamos esta mesma semana a marmelada de tomate, hoxe traemos aquilo que nós decidimos preparar para untar nesa marmelada. O queixo tiñamos constancia de que daba moi ben coa marmelada de tomate así que había que darlle forma á idea simplemente. Así pois pensamos nestes trianguliños recubertos de doritos (pensabamos que descubriramos a pólvora mais ollando na rede encontramos máis creacións do estilo). Está todo inventado. Case, haha.
A verdade é que tiñamos bastante confianza na receita de aí mesmo que optaramos polos doritos con picante aínda que é certo que picar, non picaban. Ese matiz ficou diluído. Mais estaban estes queixos... para lamber e relamber o prato. Ollade!



Triángulos de queixo recubertos con doritos



 Ingredientes:

     
  • Un anaco de queixo Cheddar
  • Doritos
  • Ovo batido
  • Fariña
  • Aceite de oliva
  • Para acompañar: marmelada de tomate 





Utensilios: unha táboa e un coitelo, unha picadora, unha tixola, papel absorbente e varios platos.


Elaboración: 


Para comezarmos, temos de cortar o queixo en triángulos. Reservamos.


Trituramos os doritos e, tamén, reservamos.


De seguir, rebozámolos coa fariña.



O ovo batido.


E os doritos.


A continuación, conxelamos os triángulos 2-3 horas, como mínimo. Pasado ese tempo, fritimos en abundante aceite de oliva, volta e volta, que ten que estar a lume alto para que non se desfaga o queixo. Poñemos sobre papel absorbente para eliminar o exceso de aceite.


E xa estarían listos para comer. Podémolos acompañar da marmelada de tomate ou dalgunha salsa que vos guste.


Que delicia de aperitivo que conquistou os comensais e tamén os propios cociñeiros, haha. Esta é das que se vai facer unha e mil veces nesta casa e oxalá mil e unha veces tamén na casa dos lectores/as. Forte aperta, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario