Ben, pois imos partir dun clásico nas sobremesas de Nadal mais cunha reviravolta. Os mazapáns non adoitan faltar nos fogares galegos mais é certo que ao igual que os acompañantes doces adoitan ser mercados xa que nestes menús natalicios xa se inviste moito tempo no resto dos pratos. Pois ben, como vimos dicindo xa noutras publicacións destas datas, nós animámosvos a deixardes uns minutos tamén para preparar algunha sobremesa vós mesmos. E precisamente os mazapáns é un deses pratos que gaña moito moitísimo na versión caseira. Somos conscientes de que outros produtos (véxase o turrón de Suchard) logran un sabor inconfundíbel que é difícil de imitar ou superar mais noutros como no caso que aquí hoxe presentamos, imos superar por moito a versión comercial. Ademais, dándolle unha nova volta. Velaquí está!
Trufa de mazapán
Ingredientes:
- 300 g de améndoa moída
- 200 g de azucre glas
- 100 g de galletas "maría"
- 100 g de chocolate branco
- 2 claras de ovo
- Para decorar: azucre glas
Utensilios: dúas cuncas, unha culler, unha bandexa de forno e papel vexetal.
Elaboración:
Para comezarmos, mesturamos a améndoa e o azucre. Reservamos.
Botamos dúas culleradas da mestura anterior ao chocolate e mesturamos ben.
Engadimos outras dúas.
Botamos a mestura do chocolate co azucre e a améndoa á cunca grande, onte temos o resto do azucre e améndoa. Reserevamos.
Trituramos todas as galletas excepto 2-3.
Agregamos as galletas moídas e rompemos as outras sobre a mestura do chocolate, améndoa e azucre.
Agregamos as claras de ovo e mesturamos moi ben até obter unha pasta.
Facemos boliñas.
Enfornámolas a 200º, co gratinador e o ventilador, até que se douren.
Empoamos co azure glas e xa estarían listas para comer!
Por aquí este converteuse en larpeirada estrela entre polvoróns, turróns, figos, pasas e demais elementos da festa do azucre que se converte cada cea das festas. Se quixerdes uns mazapáns ben saborosos, estes son os vosos! Aperta forte, bolboreteir@s. Tede a mellor pasaxe de ano posíbel e que o 2020 sexa inmensamente feliz.
Que pintaza...
ResponderEliminar