Bo día, bolboreteir@s! Imos coa penúltima receita da tempada xa que o martes colleremos vacacións até setembro. Aínda que non andaremos completamente desconectados. Algo vos habemos de ir mostrando e contando pois andamos metidos en grandes proxectos, algúns moi próximos no tempo.
Ben, pois para este sábado traemos unha receita bastante novidosa canto aos ingredientes que forman parte deste salpicón e tamén canto á forma de o presentar. 
Non pensedes que por incluír carne xa perde a frescura característica dos salpicóns. Non, non... Segue a ser un prato ideal de verán, tanto para comer na casa como para saír a xantar fóra nos días solleiros (deses dos que case non temos pola Mariña).
A verdade é que o desfrutamos inmensamente e que nos prestou tanto que xa temos listo os ingredientes para o volver a preparar mañá. Imos pois, con este orixinal salpicón!
Salpicón de polo
Ingredientes:
- 1 peituga de polo
 - 2 tomates
 - 1 cenoria
 - 1/2 cebola
 - Brotes de rábanos
 - Aceite de oliva virxe
 - O zume dun limón
 - Ourego
 - Pementa moída
 - Sal
 
Utensilios: un cazo, unha cunca, unha táboa, un coitelo e un relador. 
Elaboración:
Para comezarmos, debemos cocer a peituga de polo en abundante auga cun chisco de sal. Tardará uns 20-25 minutos.
De seguir, escoámola e deixamos que se atempere. 
Mentres tanto, picamos a cebola e o tomate e relamo a cenora. Mesturamos todas as verduras e engadimos os brotes. 
Cando o polo arrefríe un pouco, desmiuzámolo e aliñamos co aceite, o zume do limón e o ourego. 
Podémolo servir cunhas tortillas de trigo e xa estaría listo para comer! 
Agardamos que vos guste e poñades en práctica esta deliciosa receita. 
Apetece, verdade? Se por algo adoramos tantísimo a gastronomía é porque nos permite crear sen límites, mesmo botando man dun corpus de recurso básico, con produtos do día a día como os que vistes nesta receita. Queremos mostrar pois, como se pode fuxir da rutina cun pouco de imaxinación e creatividade e sen asociar a cociña coa dificultade nin co sufrimento.
Deixámosvos pois, desfrutardes da fin de semana co mellor sabor de boca! Forte aperta, bolboreteir@s!!





Ningún comentario:
Publicar un comentario