sábado, 2 de setembro de 2017

Abeladas

Bolboreteir@s, canto nos tardaba retornar á rutina blogueira após estas necesarias vacacións. Xa temos diversos proxectos en mente e agardamos presentarvos moitas sorpresas nas próximas semanas e meses, nunha tempada/cursos de moitas emocións e cambios para nós.
Ben, desta forma, iniciamos o período post-vacacional cunha lambetada que encarna ese espírito doce do blogue que en ocasións fica nun segundo plano mais que ao noso ver é imprescindíbel. Estas galletas de avelás, das que só ficamos cunha pequena proba, foron unha encarga que preparamos con moito gusto. Sempre que nos pasa isto ficamos con ganas despois de comer máis polo que deixamos pendente unha nova elaboración que non ha de tardar en chegar.
Ademais, como sempre comentamos, as bolachas son das receitas máis divertidas e agradecidas de preparar pois adoitan saír boas cantidades e pasamos un momento divertido amasando e dando forma. Ideais para peques! Velaquí fica!



Abeladas


Ingredientes:


  • 250 g de abelás torradas
  • 100 g de azucre
  • 30 g de chocolate
  • 2 claras de ovo





Utensilios: batedor eléctrico, táboa e coitelo, unha cunca, unha bandexa de forno e papel vexetal.



Elaboración: 

Para comezarmos, temos de triturar as abelás, mais non completamente, están máis saborosas se deixamos algún anaco máis grande. 


Botámolas nunha cunca e engadímoslle o azucre. Mesturamos ben. 


De seguir, o chocolate ben picadiño. 


E, por último, as claras de ovo. Amasamos coas mans até obter unha masa compacta. 





Facemos boliñas coa axuda das mans e colocámolas na bandexa do forno cuberta con papel vexetal. 



Enfornamos a 180º, calor arriba e abiaxo, durante 18-20 minutos, até que vexamos que están douradas. Deixámolas arrefríar.


E xa estarían preparadas para comer!! 


 Agardamos que vos gusten 😉!!


Parecen apetitosas, non é? Pois como xa sabedes, non é bo quedar coas ansias. Se tedes tempo libre nesta fin de semana, que mellor que un pouco de labor culinario para adozala. Dámosvos a nosa palabra de que o resultado está garantido. Xa nos contaredes!! Unha fortísima aperta, amig@s!! 

2 comentarios:

  1. Hola chicos ya estoy de vuelta despues de las vacaciones ,no sabes como me estas tentando con estas galletas de avellanas ,me encantaaaaaan las avellanas ,os han quedado de relujo y seguro que estan de rexupete.
    Bicos mil y feliz incio de semana wap@s.

    ResponderEliminar