martes, 11 de abril de 2017

Torta de salchichas (sen glute)

Bolboreteir@s, como vai esta semana diferente. Por aquí andamos aproveitando para o estudo e para as novas receitas aínda que casualmente a que hoxe vos traemos foi elaborada hai ben tempo. Tiñámola extraviada entre as pendentes de publicar e case queda en terra de ninguén para sempre. Menos mal que falamos de recreala esta semana, chegándomos así a decatarnos da cuestión.
Ben, pois aínda que as salchichas é un alimento que non consumimos con moita frecuencia, si nos apetece de vez en cando, ben para facer con arroz e ovos ou para un cachorro quente. Con todo, matinamos en argallar algo diferente con elas, procurando a autosorpresa.
Ben, pois unha torta de salchichas xa pintaba extravagante e se por riba optamos pola fariña de millo, máis aínda, pois ides percibir como fica moito máis densa, intensa e substanciosa. E ademais apta para celíac@s! Ten un sabor moi peculiar e se sodes de fariña de millo e salchichas resultará imposíbel que non vos conquiste o padal. Iso si, recomendamos o seu proveito como aperitivo e non como prato principal pois se se come en grandes porcións pode chegar a empachar. Imos pois, cunha receita ben innovadora. Adiante!

Torta de salchichas


Ingredientes: 


  • 1 taza e media de fariña
  • 1 taza de leite
  • 1/2 taza de aceite
  • 4-5 salchichas
  • 3 ovos
  • 1 cullerada de lévedo en po
  • Ourego ao gusto
  • Allo en po ao gusto
  • Pementa moída
  • Un chisco de sal

Utensilios: unha cunca grande, unha taza, un molde apto para o forno e un batedor manual. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a fariña e o fermento co leite. Para esta receita, podemos escoller a fariña que máis nos guste, nós fixémola de millo, sen glute, mais coa de trigo ten de estar delicioso tamén!! 



Engadimos o aceite, os ovos, o ourego, o allo, a pementa moída e o sal e mesturamos moi ben. 




Botamos a crema no molde apto para o forno. 


Colocamos as salchichas, enteiras ou cortadas á metade, sobre a masa. A nosa recomendación é que as afundades un pouco xa que ao cociñar suben un pouco, e desa forma van quedar máis integradas. 


Empoamos cun pouco máis de ourego e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos. 



Deixamos que se atempere un pouco e xa estaría preparada para comer a nosa deliciosa torta de salchichas. 


Nós optamos por manter enteiras as salchichas mais unha opción interesante pode ser a de trocealas para nos encontrarmos tropezóns en diferentes partes da torta ofrecendo máis dinamismo. Claro, isto a gusto do consumidor.  Dunha forma ou doutra, estamos seguros que vos ha de dar un resultado óptimo e que nos habedes contar da vosa sorpresa. Pasade un bo martes, amig@s!

2 comentarios:

  1. Que receta mas facil e original tomo nota seguro que estara de rexupete ,una pena no poder catar un caxin ahora porque me habeis puesto los dientes largos.
    Bicos mil wap@s.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ten un sabor moi sorprendente e coa fariña de millo queda espectacular 😉😉

      Eliminar