sábado, 2 de xullo de 2016

Galletas de améndoa recheas de chocolate

Andamos atarefados nesta fin de semana primeira de xullo e que xa trae mil e unha feiras por todo o país. Especialmente ligados andamos á Feira do Libro de Ribadeo, que ten lugar até mañá, domingo, no Parque de San Francisco. Precisamente mañá visitará a vila Merchi Rodal quen admiramos polo seu traballo no programa Larpeiros, que tamén contribúe ao fortalecemento do idioma no ámbito gastronómico.
Ben, pois revisando o seu último manual, "Novas lambetadas dunha larpeira feliz" encontramos moitísimo de interese e a primeira receita coa que demos xa nos levou dun impulso á cociña. Ademais, que unhas bolachas sempre veñen ben para matar a gana de cociñar e para ter un recurso larpeiro a man nestas tardes de visitas como a que hoxe temos.
Mesturamos aquí, unha paixón, o chocolate, e as améndoas, produto utilizado frecuentemente na tradición reposteira galega. A ver que vos parecen!

Galletas de améndoa recheas de chocolate


Ingredientes (para 15 galletas):

Para as galletas:
  • 250 gr de fariña, unha pouca máis para estirar
  • 150 gr de manteiga
  • 75 gr de azucre glas
  • 50 gr de améndoa moída
  • 3 ovos
  • 1 cullerada de vainilla
  • Un chisco de sal
Para o recheo:
  • 150 gr de chocolate
  • 90 ml de nata

Utensilios: unha cunca, unha espátula, un cortapastas (ou un vaso), unha culler, unha (ou dúas) bandexas de forno, papel transparente e papel vexetal. 


Elaboración:

Para comezarmos temos de mesturar a fariña, o azucre, a améndoa, o sal e a vainilla. 



De seguir, engadimos dous ovos (na imaxe vedes 3 xemas porque un ovo tiña dúas, haha) e a manteiga fría cortada en anaquiños. 




Mesturamos coas mans até que poidamos formar unha bóla. 


 Envolvémola con papel transparente e refrixeramos durante 30 minutos. Mentres tanto, preparamos o chocolate para o recheo. Quentamos até que ferva a nata, botamos o chocolate e deixamos que repouse 1-2 minutos. 


Despois, mesturamos moi ben até que se disolva totalmente o chocolate. Reservamos. 


Pasada a media hora, sacamos a masa das galletas e colocámola sobre papel vexetal cuberto con fariña. Estirámola coa axuda dun rolete e facemos círculos co cortapastas ou o vaso. Agora temos que bater o outro ovo e pintar as galletas.


Colocamos as galletas na bandexa do forno, cuberta con papel vexetal, e enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo, durante 13-15 minutos. 



 Deixamos que arrefríen un pouco e botámoslles un pouco de chocolate no centro e tapamos coa outra galleta.


E xa estarían preparadas para comer! Esperamos que vos gusten!! 


Xa vedes que pouco teñen que envexar aos sonados macarons, non si? Recordan un pouco ao mazapán  nesta textura outorgada pola améndoa mais o chocolate interno xa nos fai perder a cabeza. Encántanos pasar bocados tan entretidos de tempo cociñando lambonadas coma esta e máis nos encanta cando nos encontramos con algún/nha de vós pola rúa e nos dicides as recreacións tan saborosas que preparades. Sodes xeniais! Mil grazas, amig@s!

4 comentarios:

  1. Eu todo o que sexa galleta o zampo encantada, con mais motivo si están recheas de chocolate. !!Isto é unha larpeirada das boas,rapazes!!

    Bicossss

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! É, si! É imposíbel que haxa unha lambonada maior, hahaha!
      Apertas e grazas guapa!

      Eliminar
  2. Que buenas tienen que estar! me las anoto

    Un beso

    ResponderEliminar