sábado, 12 de setembro de 2015

Biscoito de nabizas enrolado

Xa por aquí de novo e hoxe con máis ganas que nunca, xa que despois dunha semana moi produtiva a nivel gastronómico, hoxe presentámosvos o que para nós vai ser o prato estrela deste mes e unha das receitas das que máis orgullosos estamos até agora xa que a consideramos unha novidade creada a partir dun dos grandes alimentos da Galiza, o nabo.
Soábanos de ver facer un biscoito de verduras tamén a Arguiñano, debía ser de espinacas, mais non o tiñamos claro. Así que como a avoa nos deu da horta as primeiras nabizas da tempada, aproveitamos para lles tirar o máximo rendemento que se nos ocorreu, facendo un biscoito delas. E como todo invento, a tensión estaba manifesta xa que non sabiamos se quedaría a cor que prentendiamos, nin tampouco o sabor. O verde xa podedes ver como se fixo dono do prato logrando unha verdadeira beleza gastronómica. E canto ao segundo, cómpre dicirmos que a esencia da nabiza se mantén intacta sendo do máis sorprendente co novo formato que lle ofrece o biscoito. Desde logo, só faltaba un bo recheo con salsa para alcanzar a plenitude. E así foi. Non nos fiabamos moito do noso criterio xa que andabamos emocionados coa creación, mais houbo algún outro comensal sorprendido e que prometeu levalo á practica para marabillar á súa xente.
Vai aí!

Biscoito de nabizas enrolado

Ingredientes:

Para o biscoito:
  • 150 gr de nabizas
  • 100 gr de fariña
  • 8 gr de lévedo en po
  • 2 ovos
  • 2 culleradas de aceite de oliva
  • Sal

Para o recheo:
  • 8 lascas de pavo
  • 6 lascas de queixo
  • 1 tomate grande
  • 1 cenoria
  • 10-12 olivas
  • 4-5 culleradas de maionesa allada (receita aquí)
Utensilios: batedor eléctrico, bandexa de forno, papel vexetal, unha cunca, unha culler, un coitelo e un pano. 

Elaboración:

Para comezarmos, temos de facer o biscoito para enrolar. Para iso, quitamos os tanos do nabo, quedándonos só coa folla, coa nabiza, e lavámolas moi ben para as triturar co aceite e coas xemas dos ovos. 











A continuación, engadímoslles a fariña co lévedo. 




De seguir, montamos as claras a punto de neve e botámosllas á mestura anterior. 



Colocamos o papel vexetal sobre a bandexa do forno e botamos a mestura anterior formando un rectángulo, intentando que teña o mesmo grosor por todas as partes. Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 5 minutos (parece pouco, mais veredes que resulta suficiente). Despois, tapámolo cun pano e reservamos. 


Mentres arrefría, preparamos o recheo. Picamos en anacos pequenos o pavo, o tomate, as olivas e relamos a cenoria.







Despois, facemos a maionesa allada, receita aquí. Botámoslla ao recheo e mesturamos moi ben. 



Estendemos a o recheo sobre o biscoito, deixando 3-4 cm dun lado sen recheo. 


Comezamos a enrolar con coidado para evitar que quebre. 





Refrixeramos durante 2-3 horas para que estea máis saboroso, cortámolo en toros e servímolo acompañado, se nos apetecer, dunha pouca máis de maionesa allada.


Et voilà! Aquí o noso biscoito de nabizas enrolado. Talvez algunha persoa se estrañe ao ver o nome xa que adoitamos asociar o biscoito ao doce, mais se vos parastes a ler a receita, comprobastes que nada está fóra de lugar e ningún produto choca con outro. De feito, sorprendeunos bastante a harmonía que presenta á hora de o degustar. De todas formas, o que vos dicimos sempre, se non gustades moito dalgún elemento, trocádeo sen medo.
Por certo, penso que despois de lerdes esta receita, vos pode interesar un artigo de Colineta en que nos fala de nabo, nabiza e grelo e das súas distincións. Dicimos que pode ser de axuda porque moita xente adoita confundir uns con outros. Aquí o tedes: "Grelos no son nabizas"
Recomendámosvos, iso si, animárvos con este biscoito xa que temos moitísimas ganas de que nos deades a vosa impresión e ver a nosa receita plasmada nas vosas cociñas. E que non vos asuste nada, xa que vedes que podedes lograr moitísima elegancia desde a sinxeleza. Aquí vos queda para sempre unha das nosas mellores receitas. Unha forte aperta, amig@s!

7 comentarios:

  1. Está de medo este biscoito, unha gran invención, dou fe 😉 con moitas ganas de volvelo probar!!
    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Agora tócavos a facelo!! hahaha
      Moitísimas grazas Rosalía!
      Bicos

      Eliminar
  2. Que receta mas rica y sana! Me han encantado estas tortas vegetales truenen que estas riquisimas con ese estupendo relleno, me las apunto

    Un abrazo

    ResponderEliminar
  3. Impresionante, qué boa idea tivestes e que ven a levastes á practica! A ademáis quedou de guinda! Teño que intentalo... A teoría parece doada, pero non sei eu se saberei facelo ben na práctica hahaha

    Parabéns, chicos, e unha aperta grande!

    Yoly

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, proba que xa verás que che encanta! É moi sinxelo xa verás!!
      Un bico e grazas por comentar!

      Eliminar
  4. Impresionante, qué boa idea tivestes e que ven a levastes á practica! A ademáis quedou de guinda! Teño que intentalo... A teoría parece doada, pero non sei eu se saberei facelo ben na práctica hahaha

    Parabéns, chicos, e unha aperta grande!

    Yoly

    ResponderEliminar