martes, 4 de agosto de 2015

Masa crebada sen ovo nin lactosa

Bo martes lambisqueir@s!! Aquí estamos de novo, traéndovos precisamente unha larpeirada despois da que foi para nós unha fin de semana moi doce con celebración de aniversario incluída. Unha das tortas que elaboramos para este festexo foi a Torta 3 chocolates, unha das nosas primeiras receitas. E a outra... pola outra tedes que agardar un pouco máis, aínda que hoxe xa vos deixamos a súa base, que quixemos presentar de maneira independente por ser apta para alérxicos áos ovos e á lactosa, algo non tan sinxelo nas tortas xa que un grande número delas levan algún destes ingredientes na súa base. 
Así pois, gardando este recurso, poderedes procurar despois o complemento adecuado para finalizar a torta adaptada á vosa alimentación. Aí vai:

Masa crebada sen ovo nin lactosa



Ingredientes:
  • 250 gr de fariña
  • 80 ml de auga
  • 65 ml de aceite de oliva virxe extra
  • Un chisco de azucre
  • Un chisco de sal


Utensilios: cunca, molde para forno, garfo rolete, garabanzos e papel vexetal.

Elaboración:

Para comezarmos temos de mesturar a fariña co azucre e o sal. 


De seguir, engadimos o aceite e mesturamos moi ben. 




Cando o aceite estea totalmente integrado, engadimos a auga e amasamos até obter unha masa homoxénea e elástica. Facemos unha bola e deixamos repousar no frigorífico durante 30 minutos. 


Pasado ese tempo, estiramos a masa coa axuda dun rolete. 




Colocámola no molde escollido e estirámola ben para que cubra todo o molde, picámola cun garfo. 


Despois, recortamos un círculo de papel vexetal e colocámolo sobre a masa e, por enriba, botamos os garabanzos (para que non suba a masa). 


Enfornamos a 180º, calor arriba, abaixo e ventilador, durante 10 minutos. De seguir, quitamos os garabanzos e deixamos cociñar outros 10 minutos máis. Deixamos que arrefrie completamente e xa a podemos reencher. 


Como observades, non ten ningunha complicación, e mesmo a podedes elaborar para reenchela posteriormente de froitas no caso de non quererdes nada demasiado doce, e tamén a poderíamos utilizar para facermos un prato salgado coma unha quiche, por exemplo esta. Nós, como nunca lle fuximos ás larpeiradas, si que completamos esta masa crebada de xeito moi moi lambón. Veredes nos próximos días :-)
Unha fortísima aperta, amig@s!

3 comentarios:

  1. bien facil de hacer y apta para alergicos al huevo, tomo nota y aqui me quedo esperando la receta final de esa tarta que tiene una pinta fantastica, biquiños.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É unha torta deliciosa, xa logo a publicaremos ;)
      Grazas por comentar! Apertas

      Eliminar
  2. bien facil de hacer y apta para alergicos al huevo, tomo nota y aqui me quedo esperando la receta final de esa tarta que tiene una pinta fantastica, biquiños.

    ResponderEliminar