martes, 23 de xuño de 2015

Torta de cereixas

Xa por aquí de novo. Xa nos coñecedes así que non creo que vos estrañedes de ver unha nova torta en Bolboretas no bandullo xa que, a fin de contas, é o produto co que máis desfrutamos na cociña. Mais o feito de as presentar seguidas vén determinada polas datas en que nos encontramos. Sabemos que en grande parte da Galiza se celebra o San Xoán así que queremos darvos o maior número de ideas posíbeis para as sobremesas destas celebracións. Despois dun clásico como a Torta San Marcos, hoxe presentamos unha creación propia. Tiñamos un aniversario moi especial para o que nos encargaron unha torta que non levase chocolate. Ademais, a decoración tiña que ter algo de blaugrana pola paixón futboleira do homenaxeado. 
Despois de dubidar entre algunha que outra froita de tempada, acabamos por nos decidir pola cereixa, tanto polo sabor como pola cor vermella que harmonizaría esteticamente a torta. E realmente quedou moi ben integrada coa nata, logrando unha torta doce e para nada seca.
Iso si, quedaba a parte máis complexa, a da decoración. E aí, despois de pensarmos en utilizarmos unha oblea, acabamos por arriscar e probar sorte co fondant, a pesar de até agora non ter traballado en moitas ocasións con el. Foi un traballo complexo, sobre todo porque o fixemos con colorantes ao non termos fondant de tantas cores na casa. O resultado aínda que non perfecto si nos parece tan bo como para nos sentir orgullosos del. Iso si, desta volta tivemos a axuda dunha moi boa amiga na decoración sen a que sería posíbel tan bo resultado.


Torta de cereixas


Ingredientes:
  • 1 biscoito xenovés (receita aquí)
  • 800 gr de cereixas
  • 600 ml de nata 35%
  • 60 gr de azucre
Para a decoración:
  • Fondant de cores
  • 100 gr de améndoas
  • 100 ml de nata 35%
  • Colorante

Utensilios: batedor eléctrico (ou manual), molde desmoldábel, rolete e un coitelo.

Elaboración:

Para comezarmos, debemos facer un biscoito xenovés. Aquí vos deixamos a receita, mais neste caso aumentamos as cantidades (7 ovos, 210 gr de fariña, 210 gr de azucre, unha cullerada de vainilla e unha cullerada de lévedo) para que quedara un biscoito máis grande. Reservamos até que arrefríe e despois dividímolo en tres partes coidadosamente.

A continuación, temos de preparar as cereixas. Desosámolas e cortámolos en anacos pequenos. 



De seguir, montamos a nata co azucre e mesturámola coas cereixas. 




Colocamos unha parte do biscoito (a superior ou a do medio) sobre a fonte en que imos presentar a torta e estendemos unha boa capa da nata mesturada coas cereixas.


Facemos o mesmo coa seguinte capa e tapamos coa base do biscoito.  



Despois xa comezamos a decorar a torta. Empezamos montando a nata e estendemos unha fina capa na superficie da torta (non ten que quedar perfecta xa que só o facemos para que o fondant e as améndoas peguen mellor). 


Ao resto da nata, engadímoslle unhas gotiñas de colorante para tinguila. Nós usamos vermello porque a íamos decorar co escudo do Barça. E cubrimos os bordos con ela. 


Despois seguimos co fondant. Podedes utilizar as cores que máis vos gusten que tamén dependerán do dibuxo que queirades pór. Da mesma forma, podedes mercar fondant de cores ou branco e despois tinguilo na casa cunhas gotas de colorantes. Neste caso, fixemos o segundo xa que tíñamos todos os colorantes que precisábamos na casa. Nós comezamos coa cor negra, facendo un círculo e colocándoo sobre a nata. 




A continuación, imprimimos un escudo do Barça para podermos recortar a forma do escudo sobre o fondant amarelo. 


Despois imos facendo o resto das formas e colocámolas sobre a base, pegándoas cun chisco de auga. Recomendámovos estirar o fondant sobre papel vexetal e se vedes que é difícil de despegar empoádeo cun chisco de azucre glas. Por último, colocamos as améndoas ao redor da nosa imaxe co fondant.


Refrixeramos a torta durante, mínimo 4-5 horas, aínda que saberá mellor se a deixades unha noite enteira e xa estaría preparada para comer! Agardamos que vos guste! 


Non estades xa salibando? Ese toque agridoce das cereixas, acompañado da nata fai desta unha torta moi equilibrada e saborosa. A decoración xa queda ao voso gusto, se sodes futboleiros xa tedes aquí unha idea e senón calquera outra serve. O caso é desfrutardes da súa elaboración e sobre todo do seu sabor. E desculpas aos que non sexades do Barça, mais desta volta tocou así... haha. O caso é irmos practicando co fondant e mellorando pouco a pouco.
Aquí vos queda esta idea da que oxalá collades algún apuntamento para estes días de festas. Unha forte aperta amiguiñ@s!

4 comentarios:

  1. Seguro que al cumplañero le encanto su tarta ademas de quedarte divinisima tenia que estar de rexupete.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sii, a verdade é que lle encantou a torta! E estaba moi saborosa!!
      Moitas grazas por comentar!
      Un bico enorme!

      Eliminar
  2. que bonita! y con ese interior tiene que estar para no dejar ni gota, bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas! Voou en pouco tempo, hahaha!
      Un grande aperta!!

      Eliminar