martes, 2 de decembro de 2014

Croquetas de castañas

Boas amig@s!!!! Tiñamos unha receita gardada hai un par de semanas e entre volta e revolta case vaia aló o outono, así que xa era hora de vos presentar esta novidosa receita que está máis que boa!  Quen os teña, debe tirar prexuízos, xa que hai outras moitas formas de degustar as castañas alén de asadas e cocidas, e con moi bo resultado, asegúrovolo. Xa nos temos encontrado con moitas persoas que no relativo á castaña é moi conservadora, mais na verdade, este produto un grandísimo recurso e ofrécenos moitas variantes pola intensidade do seu sabor.
Ben, é certo, nós ao principio tampouco o tiñamos moi claro mais decidimos probar tanto coa crema de castañas como agora con estas croquetas e quedamos moi satisfeitos. O malo, coma outros moitos produtos, é que temos un tempo reducido para desfrutar delas xa que os nosos castiñeiros non traballan todo o ano, haha. E aínda por riba, temos a sensación de que este ano non viñeron moi boas as castañas... Encontrámonos con moitísimas de mala calidade... Con todo, dedicando un pouco de tempo á escolla, xa que abonda con poucas, podemos elaborar delicatessen como estas:

Croquetas de castañas

Ingredientes:
  • 12-15 castañas asadas 
  • 1 cebola 
  • 40 gr de manteiga
  • 40 gr de fariña, máis extra para empanar
  • 500 ml de leite
  • 1 ovo
  • Pan relado
  • Pirixel
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite
Utensilios: tixola, culler de pau, coitelo, garfo, varios pratos (para empanar) e papel transparente. 
Elaboración:

Para comezarmos, temos que derreter a manteiga na tixola e, seguidamente, engadir a cebola para rustrila, botamos un chisco de sal. 


Cando estea brandiña, engadimos a fariña. Cociñámola un pouco e imos engadindo o leite pouco a pouco até obter unha bechamel espesa. Botamos as castañas cortadas en anaquiños (Para asar as castañas, témolles que facer un corte e enfornalas a 200º, calor arriba e abaixo, durante 30-35 minutos). Botamos un chisco de pementa. 







De seguir, botamos a mestura nun prato e tapamos a masa con papel transparente e refrixeramos durante 4 ou 5 horas. 










A continuación, temos que preparar tres pratos para o rebozado: un con fariña, outro co ovo batido e o último con pan relado mesturado co pirixel. Dámoslles a forma as croquetas e pasámolas primeiro pola fariña, logo polo ovo e o pan relado. 



Chegados a este punto temos dúas opcións, ou metelas nunha bolsiña e conxelalas ou fritilas en abundante aceite. Nós, cando facemos croquetas, elaboramos bastantes para ter sempre no conxelador unhas poucas gardadas, xa que nos poden sacar dalgún apuro ;)


Despois de fritilas, pasámolas a un prato con papel absorbente para eliminar o exceso de aceite. 


E xa estarían preparadas para comer! Esperamos que vos gusten e que desfrutedes comendo croquetas tanto coma nós, xa que é unha das nosas comidas preferidas!! Non están boas, o seguinte :) Ademais, se sodes tan castañeir@s coma nós, aproveitade e non asedes só as contadas para as croquetas, facede unhas cantas máis para devorar ao modo tradicional. Tede en conta que para facerdes estas croquetas, tamén poderiades cocer as castañas, mais a nós interesábanos que quedase ese puntos gustoso das asadas. E quedou, quedou, mmmm... Metédelle o dente a estas delicias, veredes... Apertas!


2 comentarios:

  1. me encantan las croquetas y con castaña nunca las probe, seguro que me gustan! bicos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se che gustan as croquetas, estas seguro que che encantan xa que as castañas danlles un toque moi especial :D
      Bicos!

      Eliminar