mércores, 10 de setembro de 2014

Grissini

Como xa vos comentei nalgunha outra ocasión, unha das miñas debilidades é o pan, e un dos mellores entretementos, meter a man nestas masas. Por iso hoxe probamos receita panadeira, idónea para os apertitivos destes xantares ou ceas con convidad@s: grissini. Un produto que me recorda inevitabelmente a eses pauñiños que nos regalaban aos máis pequen@s nas panadarías.
Como xa se intúe polo nome, estes grissini teñen a súa orixe na Italia e presentan moitas variantes, nós optamos por facelos algo máis grosos e planos. Segundo as nosas fontes de información, estes paus parece que se crearon cando Amadeo de Saboia enfermou e tiña problemas para dixerir moitos alimentos. Chamaron a un panadeiro de Torino e encomendáronlle algo que si puidera comer, algo lixeiro e sutil, ao que o profesional do pan respondeu cuns paus crocantes e de moi bo sabor. O Duque comeunos de moi boa gana e axiña correu a noticia dando un enorme éxito aos grissini en Torino e despois no resto de Italia. Hoxe en día son mundialmente coñecidos e en moitos restaurantes italianos adoitan pór estes paus como acompañantes. A ver que vos parecen.


Grissini

Ingredientes:
  • 425 gr de fariña de forza
  • 250 ml de auga tibia
  • 2 1/2 culleradas de café de lévedo en po
  • 2 culleradas de aceite
  • 2 culleradas de café de sal
  • 2 culleradas de café de azucre
  • Para decorar: tres culleradas de sal escamado



Elaboración:

Para comezar, temos de mesturar a fariña, o azucre, o sal e o lévedo disolto na auga. A continuación, agregamos o aceite e mesturamos até formar unha masa branda e elástica, é posíbel que precisemos dunha pouca máis de fariña. Deixamos repousar 5-10 minutos.


Coa axuda dun rolete estiramos a nosa masa até formar un rectángulo. Tapámola cun pano húmido e, de novo, deixamos repousar 1 hora e media, aproximadamente. 


Despois dese tempo, botamos o sal na masa (ben repartido para que non queden algunhas porcións excesivamente salgadas) e cortámola en tiras que temos que colocar na bandexa do forno enfariñada. 


Enfornamos a 220º, calor abaixo e ventilador, durante 12-15 minutos. Deixamos arrefríar uns minutos e listos para comer!! 


Outra opción é enrolarlles unhas tiras de xamón para que sexa un aperitivo máis completo.


A pesar de que é un alimento sen moita complicación, son realmente aditivos, comezas probando un e... xa sabedes, haha. Desde logo, ganan moito en sabor acompañándoos doutros produtos como o xamón.
Ademais, se tedes pequen@s na casa, recoméndovos poñervos con este tipo de receitas xa que pasaron de fábula metendo as mans na pasa e sobre todo degustanto estes grissini que tanto adoitan gustar aos máis cativ@s.
Aquí vos queda a nosa versión destes grissini, mais tedes outras moitas variantes. Recoméndovos por exemplo unha de Kukinhas con queixo e ourego :-) Espero que vos atrevades con esta receita ideal para @s máis panadeir@s. Desfrutádea amig@s!

6 comentarios:

  1. Que sabedeiros son os grissini!!! E máis aínda con masa caseira! O malo é que non podes comer só un ;)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso é verdade, cando comezas non podes parar, haha!
      Moitas grazas polo teu comentario :D

      Eliminar
  2. Estes si que son adictivos, e se van con xamón, non queda un!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, son moi aditivos, haha! Para min, con xamón son perfectos para pór de aperitivo cando hai convidad@s na casa, xa que lles encantan a tod@s!
      Moitas grazas polo teu comentario ;)

      Eliminar
  3. Encántame esta receita!!! coma ti gustame moito o tema do pan, pero a verdade e que dame bastante respeto. Estos grissini teñen una pintaza e vese moi fácil de facer!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alégrome que che guste a receita, a verdade é que se fan nun momentiño e o resultado é exquisito. Espero que se os fas, envíes unha foto co resultado.
      Un bico guapa!

      Eliminar