domingo, 8 de xuño de 2014

Ás de polo con salsa barbacoa

Despois duns días de pouca actividade, xa vos traio a miña última receita, feita esta semana con motivo da visita duns amigos. Un prato que dá moi moi pouco traballo e sabe moi ben, ademais de ser económico. As ás de polo, ou "pito" como lle chamamos por Viveiro adoitamos comelas ao allo pasadas pola tixola, mais desta vez queriamos probar outra versión e ocorréuseme metelas ao forno e darlles un toque diferente cun mollo exquisito. A ver que vos parece a receita.

Ás de polo con salsa barbacoa

Ingredientes (para 4 persoas):
  • 20 ás
  • 5 dentes de allo
  • 3 culleradas de salsa barbacoa
  • 1 chile
  • Aceite
  • Vinagre
  • Sal
  • Pementa moída
  • Pemento picante
Elaboración:

Para comezarmos temos que elaborar o adobo das ás. Para iso, picamos os dentes de allo e engadímoslles, un chile, sal e pementa moída. Despois aliñamos con abundante aceite e vinagre e, por último, engadimos o pemento picante para darlle cor ao mollo. Sería unha boa opción refrixeralo durante unhas horas para que adquira un sabor máis intenso. 



 Botamos a salsa sobre as ás, despois, as tres culleradas de salsa barbacoa e mesturamos ben. 


 Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo ou calor abaixo e o gratinador, durante 1 hora e xa estarían perfectas para comer!! Esperamos que vos guste e que vos aproveiten!



Por suposto, non sobrou ningunha. Estaban do máis apetecíbeis e a mestura do mollo barbacoa co allo foi un éxito xa que lles deu un sabor moi intenso. Agora xa sabedes, tedes aquí outra opción para elaborardes un clásico, as ás de polo. Se probades, xa nos contaredes. Desfrutade do domingo :-)

Ningún comentario:

Publicar un comentario