domingo, 16 de marzo de 2014

Whoopie pies

Hai días nos que te levantas e tes ganas de cociñar mais non sabes moi ben o que, entón poste a mirar nos libros de receitas e encontras algunha que chama a túa atención e xa comezas a pensar nas súas posíbeis variábeis, se tes os ingredientes na casa... E así xurdiron estes pasteis, os whoopie pies.  Resulta bastante curiosa a súa orixe xa que se pensa que foi un doce creado polas mulleres Amish de Pensilvania. Canto ao nome, "pies" xa sabemos que significa tarta ou doce, mais parece ser que "whoppie" era o que berraban contentos os fillos e maridos das cociñeiras cando vían isto para almorzar. Comezaron a pórse de moda en Nova Inglaterra a partir de 1930 e a partir de entón foron cada vez máis vendidos nos EUA. Aquí vos vai a nosa versión destas Woopie pies!

Whoopie pies

Ingredientes:

Para os pasteis:
  • 175 gr de manteiga en pomada
  • 150 gr de azucre moreno
  • 1 ovo grande
  • 1 culleriña de esencia de vainilla
  • 225 gr de fariña
  • 75 gr de cacao en pó
  • 1 cullerada de lévedo
  • 150 ml de leite
  • 2 culleradas de iogurt de froitas do bosque 
Para o recheo:
  • 100 ml de manteiga en pomada
  • 200 gr de azucre glas
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
Para a decoración:
  • 150 gr de azucre
  • Auga
  • Colorante da vosa cor preferida
  • Labras de chocolate

Elaboración:

Comezaremos elaborando os pasteis, para iso temos de bater a manteiga co azucre até conseguir unha masa homoxénea. 



Despois o ovo e a vainillla e seguimos batendo e, de seguir, engadimos unha cullerada dos ingredientes secos (fariña, cacao e lévedo) intercalada cun pouco de leite até incorporar toda a cantidade. 






 Por útlimo, botamos o iogurt e mesturamos de novo.



 Coa axuda de dúas culleriñas imos colocando boliñas da mestura sobre a bandexa do forno recurberta con papel vexetal. E, con outra culleriña mollada en auga, redondeamos as nosas boliñas.





A continuación, forneamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 12 minutos. 



 Mentres deixamos que arrefríen, aproveitamos e facemos o recheo. Mesturamos o azucre, a manteiga e a vainilla até conseguir unha mestura esponxosa e que se poida untar, se vedes que queda demasiado dura teredes que botarlle unha cullerada de leite. 



Para a decoración, temos de engadirlle auga ao azucre até conseguir pasta espesa mais que se poida untar con falicilidade e, agora, sería o momento de botar o colorante, nós utilizamos colorante fucsia.











 Chegou o momento de montar os pasteis, primeiramente temos que extender o recheo sobre unha das metades e cubrílo coa outra. Por riba, extendemos unha capa fina da pasta de azucre e auga e, de seguir, botamos as labras de chocolate para que se queden pegadas no azucre.  




 Deixamos reposar para que se seque o azucre e... Perfetas para comer!! Que aproveite!



Como vedes teñen un aspecto boísimo, mais vese superado polo sabor. Iso si, só apto para @s máis larpeir@s xa que altamente doce, mais para un día á semana sempre vén ben algo así. Sabedes a que me recordan a min pola forma? A aqueles pasteis que comía Doraemon, o gato cósmico. Dorayaki penso que se chamaban. Sexa como for, o caso é que están boísimas!! Desfrutade delas lambónciñ@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario