Hoxe presentámosvos as piruletas de chocolate, tamén denominadas cake pops, que están moi de moda ultimamente converténdose nunha das lambetadas máis saborosas e orixinais, debido a que se poden decorar seguindo a imaxinación de cada quen, podendo incluso tinguir o chocolate branco con diferentes colorantes. Ademais son perfectas para festas infantís xa que aos máis pequen@s lles encantan pola súa forma e incluso el@s poden axudar a facelas e así se introduciren no mundo reposteiro.
Piruletas de chocolate
Ingredientes:
- 1 biscoito pequeno (aproximadamente 300 gr)
- Nocilla (aproximadamente 250 gr)
- 1 barra de Chocolate negro
- 2 barras de Chocolate branco
- Para a decoración: labras de chocolate, nubes, lacasitos pequenos, purpurina comestíbel...
Elaboración:
Primeiramente, temos de esfaragullar o biscoito e despois ímoslle agregando a nocilla até formar unha masa compacta e o suficientemente dura para poder facermos boliñas. Cando teñamos as boliñas feitas debemos refrixeralas un pouco para que endurezan.
Mentres tanto, derretemos un pouco de chocolate negro, onde mollaremos os paíños (ou sticks) que poñeremos nas boliñas para que teñan a forma de piruleta. Refrixeramos de novo para que endureza o chocolate e non se separe a boliña do pau.
Agora, derretemos o resto do chocolate negro e o chocolate branco nun vaso ou nunha cunca alta e imos sumerxindo as piruletas. Tamén é o momento de decorar ao noso gusto coas labras de chocolate, os lacasitos, boliñas de cores... Para facerdes a purpurina, colledes un caramelo de cores (nós escollemos un bastón de caramelo, dos típicos do Nadal) e metédelo nunha bolsa de plástico e coa axuda do rolete ídelo esmagando.
Para que o chocolate seque debemos coller un pedazo de poliespan e recubrilo con papel de aluminio e ir colocando as piruletas sobre el. Refixeramos de novo até que o chocolate estea duro e xa están as nosas piruletas listas para comer!!
Ademais, se non vos gusta a nocilla podedes cambiala por queixo fresco ou mesmo manteiga.
Non esquezades de enviarnos as vosas fotos se facedes algunha das nosas receitas a bolboretasnobandullo@gmail.com Desfrutade desta dozura lambereteir@s.
Por certo, moitísimas grazas a tod@s xa que en pouco máis de tres semanas xa sodes máis de 500 persoas seguíndonos en Twitter. Para o celebrar, escolleremos unha receita entre aquelas magníficas ideas que nos faigades chegar. De momento xa nos presentastes algunha moi moi apetecíbel. Grazas!! :-)
Vou probar a facelos este fin de semana cos nenos, estou seguro que lles vai encantar. Parabéns por esta marabilla de blog! Biquiños
ResponderEliminarSeguro que pasades un tempo fantástico! Ademais, encantáranvos as piruletas!
ResponderEliminarNon esquezas mandarnos unha foto co resultado :D
Moitas grazas!
Un saúdo!