domingo, 26 de xaneiro de 2014

Pastel de carne

A receita que hoxe vos presentamos tamén se caracteriza pola súa sinxeleza e rapidez ademais de ser un prato de moi boa presentación. Resulta moi apropiada eses días en que temos convidad@s ou para días de festa xa que non precisa moito tempo de preparación por ser o forno quen fai o traballo mías laborioso. Acostuma gustar a todas as persoas alén de ser un alimento moi completo por nos ofrecer proteínas, incluír un pouco de verdura e mesmo calcio. Ademais o sabor é... mmmmm... exquisito!

Pastel de carne

Ingredientes:

Para o pastel:
  •  700 gr de carne picada
  • 14-15 liscos de beicon
  • 4 liscos de queixo 
  • 4 pementos do piquillo
  • Tortilla francesa dun ovo
  • Sal, pementa moída, ourego e alfábega
Para a salsa:
  • 1 cebola
  • 1 cenoura
  • 1 pemento vermello pequeno
  • Sal, pementa moída, viño branco e brandy

Elaboración:

Para o pastel de carne:

Temos de colocar nun molde os liscos de beicon de forma que sobresaia polo bordo, para poder cubrimos despois a torta. No fondo, e sobre o beicon, estendemos unha capa de carne picada (previamente sazonada co sal, a pementa, o ourego e a alfábeca), sobre esta, o queixo, os pementos e a tortilla francesa. Para finalizar, botamos outra capa de carne picada e cubrimos co beicon. Enfornamos a 180º (calor arriba e abaixo, co ventilador) durante 1 hora ou 1 hora e media.



















Para a salsa:

Picamos a cebola, a cenoura e o pemento en anacos pequenos (neste caso, non é necesario que os cortemos moi miúdos) e rustrímolos nunha tixola cun pouco de aceite. Cando abranden un pouco, botamos un chorriño de viño e outro de brandy e deixamos que reduzan. A continuación, trituramos todo co batedor.






Servimos a carne acompañada da salsa. Os ingredientes que utilizamos para a elaboración da salsa podédelos modificar ao voso gusto, con tomate, cabaciña... ou mesmo con champiñóns ou setas.



Bo proveito!! De facerdes esta riquísima receita, non esquezades enviarnos as vosas fotos a bolboretasnobandullo@gmail.com. Que manduquedes felizmente! :-)

4 comentarios:

  1. Vaia pintaza... estame entrando unha fame...

    Rosalía

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que está moi rico! Anímate a facelo que seguro que che encanta ;)

      Eliminar
  2. Na nosa casa xa está na lista de espera para vindeiras comidas!! Fareivos chegar a foto! (si sale algo presentable!!)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Parécenos perfecto! Moitas grazas polo teu comentario!
      Unha aperta!

      Eliminar