Bo día, bolboreteirxs! Que tal o inicio de xuño? Aquí estamos unha semana máis compartindo con vós receitas. Sabemos que fallamos a semana pasada, mais estas últimas semanas no insti están sendo un pouco loucura. Hoxe traémosvos unha nova versión do Katsu curry, desta volta, vegano. Vímosllo hai uns días a La Gloria Vegana e tívonos tan boa pinta que decidimos facelo. A verdade é que queda moi rico e as berenxenas así son espectaculares, quedan moi moi crocantes. De feito, fixemos de sobra e témolas conxeladas para que nos saquen dun apuro.
No blogue xa tedes outra receita de Katsu curry e así podedes escoller a versión que máis vos guste!
Aquí vos deixamos a receita! 
Katsu curry de berenxena
Ingredientes:
 Para as berenxenas
Para as berenxenas- 1 berenxena
- 100 ml de auga    
- 80 g de fariña
- Pan relado groso        
- Sal
Para a salsa de curry:
- 400 ml de leite de coco
- 1 cullerada de curry
- Allo
- Xenxibre
- Pementa moída
- Sal
- AOVE
Para acompañar:
Utensilios: dúas tixolas, táboa e coitelo, varias cuncas, papel de cociña, unha culler de mestura e un garfo.
Para comezarmos, temos de facer a salsa de curry. Para iso, rustrimos en dúas culleradas de AOVE o allo e o chisco de xenxibre. 
Agregamos o curry e mesturamos moi ben. 
Botamos o leite de coco e mesturamos. 
Cociñamos 10-15 minutos até que reduza a salsa. 
Mentres tanto, preparamos as berenxenas. Pelámolas, cortámolas en lascas e poñémolas nun prato con abundante sal para evitar que queden amargas durante 5 minutos. 
Secámolas ben con papel absorbente. 
Mesturamos a fariña e a auga até ter unha crema homoxénea. 
Mergullamos as lascas de berenxena. 
Empoámolas con pan relado. 
E frítimolas en abundante AOVE. 
Poñémolas sobre papel vexetal para eliminar o exceso de AOVE. 
Cando teñamos a salsa máis as berenxenas, servimos no prato, acompañando de arroz. 
E xa estaría listo para comer! 
Ten boa pinta, verdade? Aquí tedes unha nova forma de comer berenxenas! Oxalá vos guste e a poñades en práctica!
Lémonos pronto!
Aperta forte, bolboreteirxs! 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario