Menú

martes, 2 de abril de 2019

Ovos recheos de aguacate e bonito

Bo día, bolboreteir@s! Sen apenas nos decatar, metémonos xa en abril. É incríbel como voa o tempo. Xa nos dicían sempre que esta sensación aumentaba a medida que medrabamos aínda que daquela parecían contos de "maiores", coma sempre. E tamén coma sempre, o tempo dá a razón a quen a ten. 
Mimá, puxémonos con topicazos para falarmos de ovos. Pero ollo, os ovos recheos sonvos unha delicatessen sen igual. Ou canto menos estes que a nós nos deixaron sen palabras. Iso si, tiñamos o capricho do aguacate e aguacate levaron. Velaquí os tedes.




Ovos recheos de aguacate e bonito



Ingredientes:

  • 4-5 ovos
  • 1 lata de bonito
  • 1 aguacate
  • 1 tomate
  • 1/2 cebola
  • 8-9 olivas
  • O zume de 1/2 limón
  • Pementa moída
  • Olivas e ourego para decorar


Utensilios: unha pota, un coitelo, un garfo, unha culler, unha cunca e un prato.


Elaboración: 


Para comezarmos, temos de cocer os ovos en abundante auga fervendo durante 10 minutos. Un truco para que queden perfectos é botarlle á auga un chisco de sal e unha cullerada de vinagre, así, se rompen, conseguimos que conserven a forma igual. Cando os teñamos listos, metémolos en agua fría e esperamos a que se temperen. Cando arrefríen, pelámolos, cortámolos ao medio e retiramos a xema. Reservamos. 


Mentres tanto, preparamos o recheo. Trituramos o aguacate, coa axuda dun garfo, co zume do limón e un chisco de pementa, engadimos o bonito e as olivas cortadas en lascas. 




Agregamos a xema e mesturamos de novo. 


Picamos o tomate e a cebola e picámolos finamente. Engadímolo tamén á mestura anterior. 



Reenchemos a metade dos ovos e decoramos con máis olivas e un chisco de ourego. Refrixeramos 1-2 horas. E xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos guste e que os poñades en práctica. 


Estas receitas sempre triunfan, especialmente no verán cando comezan a apetecer máis receitas fresquiñas. Non son o prato máis fermoso do mundo mais non vos hai moitos petiscos moito máis saborosos. Seguro que vós xa tedes outras moitas variantes. Contádenos e despois facemos comparanzas. Aperta lambona, bolboreteir@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario