Menú

martes, 19 de marzo de 2019

Cuscús de coliflor

Bo día, bolboreteir@s!! Seguimos adiante? Pois veña, preparádevos que imos cunha receita que resulta difícil expresar en palabras para concretar o sabor achegado.
Ultimamente, por diferentes cuestións, andamos ollando con máis atención a alimentación infantil e nesta liña resulta fundamental a creatividade, achegando así alimentos ás veces non moi do seu gusto mais que poden ser agradábeis doutra forma. Temos que procurar maneira de non ter que renunciar ás propiedades beneficiosas de certos alimentos, neste caso a coliflor. 
A nós mesmos non nos gustaba moito e non fomos quen de comela até adultos. Mais claro, se tivésemos probado pratos orixinais coma estes en textura e sabor, seguramente falásemos doutra cousa.
Ollade como facer un cuscús dunha verdura e lograrmos un prato altamente saudábel. Aí vai!


Cuscús de coliflor


Ingredientes:


  • 1 coliflor
  • Pementa moída
  • Sal
  • Auga

Para acompañar:

Opción 1:

  • Aceite de oliva
  • O zume dun limón
  • Pementa moída
  • Sal

Opción 2:

  • Froitos secos ao gusto
  • 1 dente de allo
  • 1 chile
  • Aceite de oliva

Utensilios: unha picadora, unha pota con opción de cocer ao vapor ou unha vaporeira, unha tixola, unha cunca e unha culler. 



Elaboración:

Para comezarmos, temos de separar as árbores da coliflor e trituralas coa axuda da picadora. Tamén a podemos relala ou cortala co coitelo. 



A continuación, cocémola ao vapor durante 5 min. Nós usamos a vaporeira e bambú e colocamos a coliflor sobre papel vexetal para que fora máis sinxela de retirar. Salpementámola ao noso gusto. 



De seguir, temos dúas opcións. A primeira e comela só cocida aliñándoa con aceite de oliva, limón e un chisco máis de sal e pementa. 



A outra opción é rustrila nunha tixola cun chisco de aceite, un dente de allo e un chile uns minutos para que colla máis sabor. 


Engadímoslle os froitos secos escollidos, neste caso, usamos noces e pistachos. Mesturamos moi ben. 


E xa estaría listo o noso cuscús para comer! 


Agardamos que vos guste esta receita e que a poñades en práctica. Neste caso, dámosvos dúas opcións, porén, podédelo facer como máis vos guste ;) Dunha forma ou outra, isto ídelo gozar moitísimo. Aperta forte, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario